Print

Print


    Saúdos a todos.
    Hai pouco o Ed Robertson pediume que expresara, mesmo en galego (a miña fala propia) principios constructivos para os propósitos desta lista, nomeadamente a construcción dunha lingua planificada auxiliar libre de estériles subxetivismos e personalismos, cunha suficiente base obxetiva xeral. Sou bastante escéptico no asunto, dado o abandono práctico da lista polos seus membros, e dado tamén que fracasou claramente deica agora o insistente feito diferencial desta lista: a fixación dun calendario de desenrolo.
    De tódolos xeitos, aí van as miñas propostas.
 
 
    a) Fonoloxía.
    Sería máis ben reducida. As fonoloxías amplas, con trinta fonemas ou máis, producen asimilacións fonémicas, parellas de fonemas que dificilmente poderemos distinguir mutuamente. As vocais do inglés ou as consonantes do árabe coránico son un bon exemplo de tal confusión fonética. Por iso estimo que o número de fonemas debe andar entre vinte e vintecatro. Este número de fonemas parece dabondo para conservar o recoñecemento da gran maioría do vocabulario internacionalizado. Un repertorio fonémico provisional sería: "a b c d e f g h i j k l m n o p r s t u v x". Dou a case tódalas letras o valor sonoro que teñen no chamado Alfabeto Fonético Internacional, agás o ce (c), que soaría como "ch" en ido, castelán ou inglés, agás o jota (j), que soaría como en francés, portugués, brasileiro e rumanés, e agás o xe (x), que soaría como en maltés ou galego, ou como "sh" no ido e no inglés, ou como "ch" en francés. Un repertorio fonémico máis reducido aínda, por exemplo de quince fonemas, xa produciría demasiadas raíces irrecoñecibles, coma "delebono" por "telefono".
    Canto ó silabismo, debe fundarse na sílaba formada por unha soa vocal ou por unha soa vocal máis unha soa consoante. Estes dous tipos de sílaba son os máis estables e frecuentes nas linguas territoriais. Outras combinacións silábicas son admisibles, mais de xeito supletorio, non habitual. En xeral, non debe haber máis de dúas consonantes seguidas, e débense evitar tódolos sonidos dobres e xeminados, mesmo en palabras compostas, eliminando así grafías e pronunciacións como "tt", "ss" ou "ee". Debería evitarse absolutamente a sílaba a final de palabra rematada en dúas consonantes, como en "abstrakt", pola súa forte tendencia a eliminar unha delas na pronuncia. Tamén os sonidos dobres e xeminados teñen forte tendencia á simplificación. Polo mesmo, a lonxitude das vocais non sería semanticamente significativa, nin o acento de intensidade, nin o ton musical.
    A fonoloxía real das linguas malaiopolinesias, coma o indonesio, resulta unha boa guía, por suposto que evitando dar valor semántico á oposición entre vocais curtas e vocais longas. Igualmente o suahelí e outras linguas crioulas dan unha pronunciación cómoda e áxil, semellante á aquí proposta.
 
    b) Ortografía.
    Debe usar exclusivamente os signos do alfabeto latino básico e sen diacríticos, é dicir, os signos da lista "a b c d e f g h i j k l m n o p q r s t u v w x y z". Debe ser unha ortografía fonética como en turco, indonesio, quechua ou castelán, non unha ortografía arcaizante etimolóxica e antifonética coma en inglés, francés ou irlandés. Non debería haber obrigatoriedade de empregá-las letras maiúsculas. Obviamente, as letras terán os seus valores fonémicos típicos; mais existen unhas cantas letras (c j q w x y z) con valores históricos moi variables; nestes casos, haberá que tomar unha decisión máis ou menos arbitraria, pero sempre baseada en usos históricos reais, nunca inventada sen precedentes.
    ¿Cómpre usar dígrafos, ou debe esta ortografía ser exclusivamente fonética, a un fonema por letra e viceversa? Opino que a eliminación dos dígrafos é o máis cómodo para o usuario e que non produce un gran oscurememento das raíces semánticas. Tampouco se usaría o dífono "x" con valor de "ks", senón que a letra "x" sempre representaría o fonema único do dígrafo "sh" no inglés ou no ido. Así, raíces como "cokolato", "oksido" ou "xovinismo" quedan aínda facilmente recoñecibles e sen problemas de pronunciación ou de escritura a partir da escoita por primeira vez. Por tanto, nin dígrafos nin dífonos, ó meu ver.
    Os signos ortográficos usuais do alfabeto latino usaríanse de xeito habitual, como por exemplo os signos do repertorio ", . ; : ! ?", mais nunca signos dificilmente reproducíbeis, coma "¡ ¿ { }".
    Evitaríanse no posible as siglas e as abreviaturas, pois unha lingua internacional non pode ser un crucigrama. Non deben ser habituais as palabras escritas con máis de oito ou dez sílabas sen espacio de separación entre elas, dado que iso produce unha gran ilexibilidade, coma na escritura sánscrita antiga.
    En resumo, copiaríanse simplificadamente os hábitos da escritura de alfabeto latino.
 
    c) Gramática (sintaxe e morfoloxía).
    Tódalas gramáticas das linguas do mundo teñen parecidas capacidades e responden a similares modelos sicocognitivos. Por iso o mellor é tomá-lo modelo indoeuropeo fortemente simplificado, xa que é o máis estudiado para evitar ambigüidades e demostrouse experimentalmente que (nas súas formas máis regulares e simplificadas) resulta doadamente comprensible para os falantes de linguas non indoeuropeas, moitas das cales reproducen por certo un modelo similar.
    Así, a gramática sería basicamente analítica e posicional, como en inglés (ou en indonesio, lingua non indoeuropea). A frase simple formaríase coa orde sucesoria "artículo máis sustantivo suxeto máis adxetivo máis verbo máis adverbio máis preposición máis artículo máis sustantivo complementario do sustantivo suxeto máis adxetivo". Por medio de conxuncións, preposicións e posposicións suplementarias formaríanse as frases complexas e poderíanse formar hipérbatons (frases de orde inhabitual) con claridade. É importante evitar as frases moi longas e con estructuras complicadas de subordinación ou relación entre frases simples, pois adoitan ser sumamente esfaragulladas e crípticas, cando non mal construídas polo propio falante que as produce. A crítica dos "antieuroclonistas" contra as frases complexas de pronome relativo é bastante pertinente; contra iso, a solución está en regras claras e fáciles, sempre baixo o principio de proximidade e brevidade.
    Xa que logo, non habería calcos ilóxicos das linguas territoriais, como atribuír sexo ós minerais ou dobres negacións do tipo "non vexo nada". Non habería irregularidades morfolóxicas, excepto para unhas poucas formas de gran uso nas que a facilidade fonética é máis importante cá economía de formas.
    Pódense admitir unhas poucas formas inseparables modificadoras das raíces básicas, nomeadamente o tempo dos verbos e o plural dos sustantivos, mais a morfosintaxe debe ser basicamente analítica e aislante, non flexiva, declinativa nin sintética.
 
    d) Vocabulario.
    Unha lingua planificada auxiliar non é unha obra de reparación das inxustizas históricas contra dos pobos sumetidos e humillados. O vocabulario debe ser facilmente accesible á maioría dos interesados, e iso implica un predominio relativo do vocabulario europeo occidental. Non parece realista tomar unha maioría do vocabulario das linguas semíticas, ou andinas, ou indoiranias, ou sinenses, ou bantús, ou malaiopolinesias, por moitos falantes que teñan. A razón é que o vocabulario autóctono destas linguas está moi escasamente espallado fora das súas áreas orixinais, cousa que non pasa coas grandes linguas europeas occidentais. Este punto é máis un punto de experimentación ca un punto de argumentación abstracta, pois a aceptación dos falantes é o criterio supremo. E, tras moitos anos de planlingüística, os interesados nas linguas auxiliares rexeitaron case unanimemente tanto o vocabulario irrecoñecible coma o vocabulario con escasa representaciòn das linguas occidentais.
    Por tanto, debe haber un predominio relativo do vocabulario europeo occidental, e tódalas raíces semánticas escollidas (occidentais ou non) deben ser maximamente recoñecibles, moi pouco "deformadas". Isto implicará un certo arcaísmo e unha lonxitude relativamente grande das raíces escollidas; logo, os falantes xa formarán síncopas e adaptacións fonéticas seguindo as súas necesidades.
    Agora ben, non cómpre repetí-los erros históricos dos euroclóns, coas súas homofonías ou cos seus arcaísmos fonéticos e ortográficos. Está claro, por exemplo, que non necesitamos manté-la ambigüidade histórica da verba "lingua" nas linguas neolatinas, pois "linguo" para o órgano corporal e "bakaso" ou "bahaso" para designar un idioma son termos moi espallados ambos; a forma "bahaso" é recoñecible en moitos territorios e moitas linguas da África, a Asia e a Oceanía.
    Habería dun setenta a un noventa por cento de vocabulario autóctono europeo occidental e dun dez a un trinta por cento de vocabulario internacionalizado de orixe non occidental; nesta última categoría entrarían raíces tan internacionais coma "tabuo", "cokolato", "igluo", "taoismo", "sauno", "perestroiko", "safaro", "xamano", "iguano" e moitas outras.
    En canto a cousas como "posttraumo", que neste caso tiro do esperanto, obviamente son cousas impronunciables, causadas polo típico apriorismo escribista e arcaizante dos euroclóns (e de certas linguas a priori, coma o volapuque). Simplemente, ningún falante medio pode pronunciar esa combinación de consoantes. A simplificación (moi documentada nas linguas reais) do prefixo "post" en "pos" da a solución cómoda e ben recoñecible de "postraumo" (período posterior ó trauma). Nunha lingua planificada auxiliar realista, a xente non pronuncia esforzándose en seguí-la escritura, senón que escribe segundo a pronuncia que élle cómoda. Este tipo de absurdos é frecuente na composición semántica dos euroclóns, e totalmente inaceptable na obxetividade fonolóxica.
 
    e) Sociolingüística.
    As linguas son propiedade e asunto dos seus falantes, non das academias nin dos eruditos. Os falantes da lingua planificada auxiliar deben ser libres de introducir continuamente na lingua os cambios que preferan, dende o momento da entrega da lingua planificada auxiliar ó público en xeral. É recomendable un organismo consultivo (pero non decisorio) para aconsellar e facilitá-las cousas en casos conflictivos e complicados coma fixación da toponimia internacional, representación gráfica da pronunciación de palabras non propias da lingua planificada auxiliar, etcétera. Mais a derradeira palabra será sempre a dos falantes, nunca a dos lingüistas.
 
 
    Cordialmente, do Alexandre Xavier Casanova Domingo.